Ten problemas para ver este correo electrónico? Ver no seu explorador
cabecera
 







 
 

BOLETÍN DA UNIÓN DE COOPERATIVAS ESPAZOCOOP
 
[ 18 de outubro de 2024 ]
 


 

O cooperativismo galego presente no Congreso dos Deputados

Claudia Rodríguez, membro da executiva de COCETA e do Consello Reitor de EspazoCoop, participou no acto “As Cooperativas Constrúen un Mundo Mellor” con motivo do Ano Internacional das Cooperativas (2025) que se celebrou o pasado luns no Congreso dos Deputados.

As sete federacións estatais do Cooperativismo español celebraron o pasado luns o acto  “As Cooperativas Constrúen un Mundo Mellor”, presidido por Francina Armengol, presidenta do Congreso dos Deputados. Neste evento, que tivo lugar na sala Clara Campoamor do Congreso, presentouse o manifesto do Cooperativismo español en preparación para o Ano Internacional das Cooperativas (2025), no que se reivindica o valor diferencial do modelo cooperativo para a sociedade e o seu papel como motor económico e social. Ler máis
 



 


EspazoCoop participará no XX Congreso Estatal das Cooperativas de Ensino

Preto de 300 docentes, entre profesorado, orientadores e equipos de dirección de escolas cooperativas de toda España daranse cita en Valencia entre os días 23 e 25 de outubro

Entre os vindeiros días 23 e 25 de outubro celebrarase en Valencia o XX Congreso Estatal das Cooperativas de Ensino, que nesta ocasión vaise levar a cabo baixo o lema “Educación e Arte: a arte de innovar, a arte de incluír”. EspazoCoop participarán neste Congreso cunha representación do seu Consello Reitor, ademais dalgúns dos centros escolares cooperativos socios como o Colexio Abrente, o Colexio Andaina e o Colexio Mendiño.  Ler máis


 

Formación para persoas prescritoras, axentes impulsores do emprendemento

A Deputación da Coruña e a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, no marco do seu convenio de colaboración 2024 para fomentar o cooperativismo e a economía social, ofrecen para o mes de novembro un curso destinado a persoas prescritoras de emprego e emprendemento "Impulsando un ecosistema emprendedor no cooperativismo e a economía social", unha formación en liña gratuíta, de 40 horas de duración que se celebra do 4 ao 30 de novembro.

Os principios e valores nos que se basea o cooperativismo e a economía social, bríndannos unha alternativa positiva e contrastada para acadar unha mellor situación de acceso ao emprego, a través do autoemprego colectivo. Ler máis




Talento Cooperativo: Convocatoria da selección de persoas para as bolsas de EspazoCoop 

O programa “Talento Cooperativo” lanza a súa convocatoria para seleccionar 4 persoas con estudos empresariais para 4 Bolsas de EspazoCoop en cooperativas galegas.

A Unión de Cooperativas EspazoCoop, abre a súa convocatoria do programa Talento Cooperativo 2024, a súa 12ª edición, para persoas menores de 30 anos, con preferencia a mulleres, en desemprego e con estudos en áreas da xestión empresarial. As localidades das cooperativas onde se realizarán as estadías son Vigo, Moaña, Ferrol e A Coruña.

Estas bolsas contan co apoio do programa 2024-2025 da Rede Eusumo da Xunta de Galicia e o proxecto europeo ES Factory (FEDER no marco do programa Interreg VI A España - Portugal 2021-2027). Ler máis


 



 

Encontro coa veciñanza de Muras para informar como formar unha comunidade enerxética

Os socios do proxecto europeo EC4RURAL continúan avanzando nas fases de traballo para dar forma ao Piloto Galego. O vindeiro 21 de outubro terá lugar unha reunión coa veciñanza do Concello de Muras para informar como promover a creación dunha comunidade enerxética rural no seu territorio.

A reunión está aberta a toda a veciñanza, e a Unión de Cooperativas EspazoCoop participará como integrante do grupo de socios do proxecto liderado pola Universidade de Vigo. Ler máis


 




Reserva a data! O vindeiro 6 de novembro EspazoCoop organiza o Encontro do programa ES Mentoring Acompañando á Economía Social

O vindeiro 6 de novembro en Santiago de Compostela, a Unión de Cooperativas EspazoCoop organiza o Encontro do Programa ES Mentoring Acompañando á Economía Social, un evento para o intercambio de coñecemento e experiencia entre persoas mentoras e entidades mentorizadas. Reserva a data! agardámoste.


 




Economía Prateada: Chamada para identificar oportunidades de negocio

Lanzamos unha chamada á identificación de oportunidades de negocio do sector da economía prateada do Proxecto ES Factory, liderado pola Xunta de Galicia e do que fai parte EspazoCoop.

Dentro da acción A1.- Unidade transfronteiriza para a vinculación da economía social con outros ecosistemas emerxentes no territorio transfronteirizo, e en colaboración co socio luso TECMINHO, realizamos esta chamada á identificación de oportunidades de negocio no sector da economía prateada (servizos de atención e/ou dirixidos ás persoas maiores, como servizos sanitarios, coidados, turismo, tecnoloxía e transformación dixital, vivenda, lecer, igualdade, dependencia, actividades da vida diaria, etc.), que servirá, entre outras para contribuír á prospección de novas oportunidades de negocio neste sector, cuxos resultados se materializarán nun informe nos próximos meses.
Ler máis


 



Emprende en Laranxa: Convocatoria para detectar oportunidades de negocio en Galicia e Norte de Portugal

Emprende en Laranxa é unha convocatoria que lanza a Xunta de Galicia procedente do proxecto de cooperación interrexional “ES-FACTORY” para detectar novas oportunidades e liñas de negocio da Economía Laranxa de Galicia e o Norte de Portugal a través de persoas e entidades que aporten ideas para abordar as necesidades e retos vencellados neste ámbito en relación coa Economía Social.
 
Podes participar en Emprende en Laranxa presentando a túa idea nesta convocatoria ou participando no evento participativo do día 4 de novembro de 2024 na Cidade da Cultura de Santiago. Ler máis
 


 



Presentación de "La Germinadora" en Vigo, plataforma de promoción da vivenda en cesión de uso

Dende Agrelar comprácenos convidarvos ao evento de presentación da plataforma “La Germinadora”, e do equipo na Galiza “Agrelar Consultora”, de formación e acompañamento de vivenda colaborativa, que terá lugar o próximo martes 22 de outubro ás 16:45 horas en A Morada (Rúa Enrique X. Macías, 6) en Vigo. Ler máis


 




I Congreso Galicia é ESS
Recoñecer a economía social e solidaria

Os días 24 e 25 de outubro celébrase o 1º Congreso de Economía Social e Solidaria en Galicia, impulsado por REAS Galicia e financiado pola Rede Eusumo. Este Congreso quere ser un espazo de encontro entre diferentes axentes, entidades, colectivos, movementos sociais e persoas vinculadas e con interese en coñecer, debater e reflexionar sobre a Economía Social e Solidaria na nosa comunidade.

“Recoñecer a Economía Social e Solidaria” é o fío condutor desta edición, recoñecernos a nós mesmas para que outras nos recoñezan como axente clave de transformación. Para iso, queremos afondar na nosa identidade, fortalecer o noso sentido de pertenza e reforzar os nosos vínculos, divulgando o noso valor diferencial a través de proxectos referenciais de
novos sectores innovadores e específicos.
Ler máis


 



A Oficina Económica de Galicia, inaugura o pasado mes, xa lanza unha programación de webinars

Dende a Oficina Económica de Galicia lanzan unha programación de webinars sobre distintos temas de posible interese para as cooperativas, os días 22, 29 e 31 de outubro, xornada de presentación sobre os apoios da Oficina Económica de Galicia, obradoiro de LinkedIn, e a nova ferramenta Simulador de Axudas. Saber máis


 



Axudas

Cooperativas socias: tomade nota das últimas axudas convocadas As asociadas podedes consultar as diversas referencias de axudas e acceder ás bases neste enlace: Axudas    (introduce a clave habitual, ou contacta e facilitámoscha).


 


 
Licitacións 
 
Sección para socias sobre licitacións en vigor ofertadas por administracións e organismos públicos. Acceso neste enlace (introduce a clave habitual, ou contacta con EspazoCoop para conseguila).


 
 

ESPAZOCOOP UNIÓN DE COOPERATIVAS GALEGAS
www.espazo.coop | info@espazo.coop 

A Coruña|Praza do Papagaio s/n (Accede Papagaio). 15002|+ 34 881 887 456
Santiago de Compostela|Hórreo 104. Baixo esquerda. 15701|+ 34 981 57 55 78
Vigo|Marqués de Valladares 14, 2º. Oficinas 4-5. 36201|+ 34 986 866 149

 

Facebook Twitter Linked in RED EUSUMO