Día do Cooperativismo Galego, 5 de xullo en Rábade
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convida ás cooperativas socias da Unión a unha xornada moi especial: a celebración do Día do Cooperativismo Galego 2025.
Será o sábado 5 de xullo ás 12 h, como é tradición, coincidindo co Día Internacional das Cooperativas, nas instalacións de Rabadense de Transportes, S. Coop. Galega, en Rábade (Lugo). Este ano, o lema resoa con forza: "As cooperativas promoven solucións inclusivas e sostibles para un mundo mellor".
Ademais, este 2025 é o Ano Internacional das Cooperativas, un recoñecemento á importancia destas organizacións para o noso desenvolvemento, a creación de emprego e a construción dunha sociedade máis xusta.
Prégase confirmar asistencia.
Saber máis

EspazoCoop busca cooperativas e empresas de economía social para conceder bolsas de apoio xerencial
A Unión de Cooperativas Galegas Espazocoop mantén aberta a convocatoria para participar en Talento Cooperativo 2025, un programa de fortalecemento da xestión de cooperativas e entidades de economía social.
Talento Cooperativo ten como obxectivo facilitar apoio ás entidades participantes, mediante a incorporación de persoas formadas en xestión empresarial e con coñecementos específicos sobre cooperativas e outras fórmulas da economía social de cara a fortalecer as súas competencias en xestión empresarial ao tempo que se achega unha alternativa de remuda xeracional para as empresas beneficiarias.
Na convocatoria 2025 ofértanse 4 bolsas durante 6 meses.
Prazo de solicitude: ata o 30 de xuño de 2025.
Xornada informativa en liña o 18 de xullo de 10 a 12.30 h., EspazoCoop celebrará a xornada Talento Cooperativo. Abordará a traxectoria e resultados do programa ata agora, e se informará sobre a edición 2025.
Saber máis

O programa de intercooperación de EspazoCoop celebrará un encontro para cooperativas de consumo
EspazoCoop organiza un encontro da Sectorial de Cooperativas de Consumo que tratará temas de interese para sectores do consumo como alimentación, vivenda, enerxía ou cultura, entre outros.
A Unión facilitará o intercambio de información, a interacción para o mutuo coñecemento, o debate, e a exposición de temas entre as participantes. O encontro está no marco do Programa de Intercooperación de EspazoCoop 2024-2025, apoiado pola Rede Eusumo.
Celébrase o vindeiro venres 27 de xuño de 10 a 12.30 horas, en formato en liña.
Saber máis

Recta final da campaña de EspazoCoop para subscribir avais e renovar o financiamento con Coop57
A Unión de Cooperativas EspazoCoop está na recta final para a subscrición social de avais mancomunados, poñendo así en práctica un modelo de financiamento alternativo, de maior implicación social que apoia proxectos da economía social. Entre os requisitos para poder renovar o financiamento de Coop57 está a subscrición de avais mancomunados por un importe igual ao que se solicita.
Para que a campaña de avais sexa exitosa precisamos amosar que a economía social e solidaria é unha rede colaborativa e que actúa como tal, por iso pedímosvos o voso apoio para renovar a subscrición de avais e tamén para facer difusión da campaña, extendendoa a todas as vosas redes e persoas vinculadas a elas.
A campaña estará aberta para recibir avais ata 20/06/25.
Saber máis

Networking Cooperativo "Tecendo Rede" na Coruña para explorar vías de colaboración
Un ano máis, EspazoCoop desenvolverá un convenio de colaboración co Concello da Coruña para fomentar o cooperativismo e a economía social. Neste marco, o vindeiro 1 de xullo organizamos o Encontro Networking cooperativo "Tecendo Redes" cuxos obxectivos son: fomentar o coñecemento mutuo e os vínculos entre cooperativas do territorio, explorar posibles sinerxías e vías de colaboración realistas, reflexionar colectivamente sobre dúas temáticas estratéxicas de intercooperación (colaboración entre cooperativas) e a colaboración coas administracións públicas (licitacións, contratos menores, convenios, etc.).
O encontro será conducido por unha dinamizadora con ampla experiencia. A partires das 12:45 servirase un petisco para continuar co networking informal.
Saber máis

A Unión lanza unha oferta de contratación dunha guía de emprendemento na economía social e laranxa
EspazoCoop convoca un concurso público, baixo os principios de publicidade, transparencia e concorrencia competitiva, para desenvolver un servizo de deseño, maquetación e elaboración de contidos dunha guía de documentos adaptados para o impulso de habilidades e capacidades empresariais no ámbito da economía social, para o desenvolvemento do sector emerxente da economía laranxa (cultura, ocio e turismo sostible), no marco do proxecto ES- FACTORY.
ES-FACTORY é unha Rede de Aceleradoras de economía social para impulsar e consolidar empresas en novas actividades emerxentes de Galicia e o Norte de Portugal (0259_ES_FACTORY_1_E), aprobado no marco do programa de Cooperación Territorial Europea Interreg VIN A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Prazo de presentación de ofertas ata o 18 de xullo de 2025 ás 14 h.
Saber máis

Webinar Emprender no Social: Crea o teu negocio, xera impacto real!
O webinar organizado por In.Cubo, celébrase en Arcos de Valdevez (Portugal), o día 25 de xuño, ás 15 h, con posibilidade de participación presencial ou en liña, a través da transmisión en directo na páxina de Facebook de In.Cubo, socia do proxecto ES-Factory: Rede de Aceleradoras de economía social para impulsar e consolidar empresas en novas economías emerxentes, do que fai parte a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.
Saber máis

Axudas para apoiar a transformación en cooperativas: ES-Transforma 2025
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publica as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais para a anualidade 2025.
Cal é a finalidade destas axudas?
Apoiar a transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, de todo tipo de sociedades e das persoas traballadoras autónomas, que xa estivesen a exercer unha actividade económica.
Que entidades poden ser beneficiarias?
Poderanse acoller a estas subvencións, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos seguintes procesos: constitución por ausencia de remuda xeracional, constitución por persoas autónomas e constitución por transformación.
Prazo de solicitude: 15 de setembro de 2025.
Saber máis

Axudas