Ten problemas para ver este correo electrónico? Ver no seu explorador
cabecera
 









 
 

BOLETÍN DA UNIÓN DE COOPERATIVAS ESPAZOCOOP
 
[ 14 de novembro de 2025 ]
 
                                                                            
                                                   

EspazoCoop e Coceta organizan un encontro de cooperativismo cultural en Galicia: SOMOS CULTURA, SOMOS COOP

EspazoCoop, en colaboración con Coceta, no marco do Ano Internacional das Cooperativas 2025, organiza un encontro do cooperativismo cultural en Galicia os días 26, 27 e 28 de novembro nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Pontevedra, respectivamente.

O encontro de tres días SOMOS CULTURA, SOMOS COOP reunirá a cooperativas culturais, asociacións de cooperativas e público interesado de diversos territorios (Valencia, Andalucía, Cataluña, Madrid e Galicia), nunhas xornadas apoidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través de Agadic, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Deputación da Coruña, a Rede Eusumo, e o Ministerio de Trabajo y Economía Social, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, o Concello da Coruña e Culturgal.

Saber máis


 


EspazoCoop asiste á primeira edición dos Premios Nacionais do Cooperativismo de Traballo de Coceta

A Confederación Española de Cooperativas de Traballo (Coceta), coa colaboración da Secretaría de Estado de Economía Social, celebrou en Madrid o poder transformador do cooperativismo na 1ª edición dos Premios Nacionais do Cooperativismo de Traballo, un recoñecemento ás cooperativas e persoas que demostran que outra forma de facer empresa é posible.

Coceta celebrou no Círculo de Belas Artes de Madrid, a primeira edición dos Premios Nacionais do Cooperativismo de Traballo, un recoñecemento público ás empresas e persoas que, desde o modelo cooperativo, impulsan a transformación económica e social de España.

Dende a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop asistiron como convidadas a este evento, a presidenta Ana Olveira, e Claudia Rodríguez do consello reitor, que acompañaron a Coceta e ás galardoadas nos primeiros premios nacionais do cooperativismo de traballo.


Saber máis


Contratación: Servizo de elaboración de ferramenta dixital de xestión para cooperativas (casas do maior)

Convócase un concurso público, baixo os principios de publicidade, transparencia e concorrencia competitiva, para a realización do servizo de deseño, implementación e testeo dunha ferramenta dixital que facilite a xestión documental do traballo diario das Casas de persoas maiores, xestionada por cooperativas de traballo asociado, no marco do proxecto ES-FACTORY: Rede de Aceleradoras de economía social para impulsar E consolidar empresas en novas actividades emerxentes de Galicia e o Norte de Portugal.

Prazo de ofertas: ata o 21 de novembro de 2025 ás 14 h. (hora peninsular).

Saber máis



 


Outonos Cooperativos 2025

Chega unha nova entrega de Outonos Cooperativos da man do Consello Galego de Cooperativas, en colaboración coa Xunta de Galicia. Os ‘Outonos Cooperativos’ son encontros inspiradores para visibilizar a fórmula e os valores cooperativos a través de experiencias reais de cooperativas asentadas no territorio galego. Esta edición celébranse os días 4 e 5 de decembro nas cooperativas Bidafarma da Coruña e Clun de Touro, respectivamente.

Na nova edición EspazoCoop participará nos Faladoiros dos Outonos Cooperativas. A asistencia a esta iniciativa é libre previa inscrición.


Saber máis


 


Cafés con Aroma a Economía Social 2025

Neste encontro organizado polo Foro pola Economía Social Galega (Foresgal), daranse cita representantes de empresas e organizacións da economía social, representantes da Xunta de Galicia, e as persoas relatoras convidadas.

O Foro celebrará este almorzo o xoves 20 de novembro a partir das 10 h. no Hotel Puerta del Camino de Santiago, no evento que constitúe unha das citas relevantes da economía social de Galicia. Estes encontros teñen por obxectivo incrementar a identidade das empresas de economía social, ademais de analizar como os seus valores e principios poden formar parte das vantaxes de cada empresa.

Os Cafés configurándose ademais como un espazo de intercambio para a colaboración, o coñecemento, as relacións e a intercooperación.


Saber máis



Xa dispoñible a "Axenda Intersectorial: impulso da Economía Social como catalizador da Economía Laranxa" 

Esta axenda intersectorial, elaborada por EspazoCoop,  fai parte das ferramentas do Proxecto ES-Factory coa que axudará a impulsar a Economía Social como catalizadora de sectores identificados como emerxentes: a Economía Laranxa. Na Axenda analízase a chamada economía laranxa, a súa importancia e necesidades, e aborda o potencial de creación de empresas neste sector, en especial baixo o modelo cooperativo.

Saber máis


Abertas as inscricións para a nova edición da Aceleradora de Hub Olympe Emprende

Dende Abeluria S. Coop. Galega, socia do proxecto Hub Olympe Emprende, chéganos a nova edición do seu programa de aceleración, unha iniciativa que impulsa proxectos liderados ou coliderados por mulleres dentro da economía social. As inscricións estarán abertas ata o 30 de novembro de 2025, e o programa desenvolverase entre os meses de xaneiro e xuño de 2026.

Saber máis





Axudas


Cooperativas socias: tomade nota das últimas axudas convocadas. As asociadas podedes consultar as diversas referencias de axudas e acceder ás súas bases neste enlace: Axudas (introduce a clave habitual, ou contacta e facilitámoscha).
 



Licitacións
 
Sección para socias sobre licitacións en vigor ofertadas por administracións e organismos públicos. Acceso neste enlace (introduce a clave habitual, ou contacta con EspazoCoop para conseguila).
 


 

ESPAZOCOOP UNIÓN DE COOPERATIVAS GALEGAS
www.espazo.coop | info@espazo.coop 

A Coruña|Praza do Papagaio s/n (Accede Papagaio). 15002|+ 34 881 887 456
Santiago de Compostela|República do Salvador 3, 2º D. 15701|+ 34 981 57 55 78
Vigo|Marqués de Valladares 14, 2º. Oficinas 4-5. 36201|+ 34 986 866 149

 

Facebook Twitter Linked in RED EUSUMO