Chegan os webinars do programa Consolida+ para mellorar o tecido cooperativo
O Programa Consolida+ da Unión de Cooperativas EspazoCoop, realizado no marco da Rede Eusumo, é un servizo gratuíto de asesoramento en procesos de consolidación e mellora das cooperativas que integran a base social da Unión.
As usuarias do Programa Consolida+ terán á súa disposición un ciclo de webinars para tratar aspectos de organización e xestión cooperativa co que complementarán o acompañamento que están recibindo.
O cooperativismo de ensino, nesta edición de Consolida+, será reforzado cun asesoramento sectorial especializado.
Consolida+ organiza tres encontros virtuais para os próximos meses. A inscrición xa está aberta:
- Plan de mellora | 12 de marzo 2026
- Regulamento de réxime interno | 16 de abril 2026
- Interpretar estados financeiros | 27 de maio 2026
Saber máis

Participa na reflexión colectiva con cooperativas socias para orientar o futuro de EspazoCoop
En EspazoCoop abrimos un novo proceso de planificación estratéxica para o período 2026-2029. Poñemos en marcha consultas e espazos de reflexión para recoller aquelo que nutrirá a estratexia, e a elaboración dun plan que marcará o rumbo a seguir ata 2029.
A vosa voz é fundamental, por elo, queremos convidarvos a participar nas accións que estamos a organizar para que vos sumedes a elas. Serán accións coas cooperativas, o consello reitor, o equipo técnico e axentes clave, que inclúen enquisas, entrevistas, e grupos focais (sesións presenciais de análise, discusión e reflexión).
Así, o vindeiro venres 27 de febreiro organizamos 2 grupos de discusión con cooperativas socias, como parte da fase de identificación de novas necesidades e retos. O primeiro dos grupos de 12-14 h. e o segundo de 16-18 h., en Santiago de Compostela.
Animámosvos a participar e inscribirvos nos grupos de discusión abertos á base social, xa que esta reflexión non tería sentido sen a vosa achega e colaboración.
Saber máis

Convocadas as axudas do Programa Aprol-Economía Social 2026: fomento do emprendemento
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convocou as axudas do Programa Aprol-Economía Social 2026 para fomentar o emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais. O programa —cuxo prazo de presentación estará aberto desde o 2 de marzo ás 9 h. ata o 16 de setembro ás 20 h.— conta con dúas liñas de axudas.
Saber máis

O cooperativismo de ensino celebra un novo encontro de intercooperación en Cangas
EspazoCoop celebra o vindeiro sábado 28 de febreiro a partir das 10 da mañá un encontro da Sectorial de Ensino no colexio anfitrión Colexio Eduardo Pondal S. Coop. Galega de Cangas do Morrazo.
Trataremos temas de interese para os colexios cooperativos como son os convenios de colaboración con provedores de servizos, e a participación da Sectorial no proceso de planificación estratéxica da Unión para o período 2026-2029.
O encontro contempla ademais a visita ás instalacións da cooperativa Colexio Eduardo Pondal, resolución de dúbidas e a recollida de propostas dos centros cooperativos.
Prégase confirmar asistencia realizando a inscrición.
Saber máis

O Mercado do Emprendemento de Pontevedra busca candidatas
Formar parte do Mercado do Emprendemento é unha oportunidade única que non debedes deixar pasar. Esta iniciativa, promovida polo Concello de Pontevedra permite poñer a proba un proxecto relacionado coa gastronomía, o turismo ou o comercio en condicións reais de mercado, xestionando durante un mes un posto no Mercado de Abastos, cun acompañamento técnico personalizado que axuda a mellorar a proposta, analizar resultados e fortalecer o modelo de negocio.
Ademais, participar neste programa ofrece vantaxes relevantes como: visibilidade directa fronte á clientela real, apoio profesional continuo, validación do produto ou servizo, un impulso para dar o salto ao mercado, consolidar unha marca propia ou iniciar un novo camiño profesional.
Saber máis

Axudas