Ten problemas para ver este correo electrónico? Ver no seu explorador
cabecera
 







 

 

BOLETÍN DA UNIÓN DE COOPERATIVAS ESPAZO COOP
 
[ 22 de Setembro de 2023 ]
 



EspazoCoop participa na elaboración da nova Lei de Cooperativas

O pasado venres 15 de setembro tivo lugar unha xuntanza entre a Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o Foro da Economía Social Galega (Foroesgal) do que a Unión forma parte. Nesta xuntanza participaron as representantes de Foroesgal: Espazocoop, Aeiga, Agaca, Cegasal e Aesgal.

No transcurso da mesma púxose en valor o traballo conxunto entre o Goberno galego e as entidades para o deseño da nova Estratexia da Economía Social e da Lei de Cooperativas, un marco que busca impulsar a entrada de máis mulleres e persoas mozas nestas iniciativas.
Ler máis



 




A Unión de Cooperativas EspazoCoop xunto a organizacións de España, Estonia e Bélxica participa no proxecto europeo EC4RURAL para impulsar a transición enerxética limpa nas zonas rurais europeas
 

Os días 20 e 21 de setembro celebráronse as Xornadas de lanzamento do proxecto EC4rural no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo que será a entidade encargada de liderar o consorcio multidisciplinar. EC4RURAL impulsará a creación de comunidades enerxéticas (CER) en municipios rurais, como será en Galicia e Estonia. A diminución da poboación, o acceso limitado aos servizos básicos e ao emprego, tradúcense a miúdo na pobreza enerxética dos habitantes das zonas rurais derivada dos elevados prezos actuais da enerxía.

EC4RURAL está cofinanciado polo Programa Life e desenvolverase no período 2023-2027. A Universidade de Vigo lidera o consorcio no que participan a Universidade de Tartu (EE), a Federación Galega de Municipios e Provincias (ES), a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia (EE), a Axencia Rexional da Enerxía de Tartu (EE), Sapiens Enerxía (ES), a Unión Leader de Estonia (ELU), Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas (ES), Fundación Juana de Vega (ES) e a Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (BE).
Ler máis

 


 




Prazas aínda dispoñibles para asistir á Xornada Emprendemento Feminino, do próximo martes 26 de setembro en Santiago

[Somos Mulleres, Somos Emprendedoras, Somos Economía Social]

EspazoCoop organiza a Xornada `Emprendemento Feminino´ que se celebra o martes 26 de setembro no Cersia Empresa, é unha iniciativa realizada dentro do programa de colaboración co Concello de Santiago de Compostela. Busca dar a coñecer as oportunidades que ofrecen os modelos empresariais da economía social, fundamentalmente o cooperativismo, para os emprendementos que realizan as mulleres, debido ao seu carácter participativo, de recoñecemento da diversidade e de defensa da equidade.

Contarase
coa participación de María Rozas Pérez, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude. Primeira Tenenta de Alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, e Ana Olveira Blanco, Presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop. Tamén participan 5 casos cooperativos formados por mulleres. A inscrición á mesma está aberta. Ler máis


 



 

Programa Fomento do Cooperativismo en Sectores Estratéxicos:
Encontros Sectores Estratéxicos (Cultura)

[No marco da programación 2023 da Rede Eusumo]  

Fomento do Cooperativismo en Sectores Estratéxicos é un programa de acompañamento para apoiar a creación de empresas cooperativas en ámbitos e actividades económicas estratéxicas en Galicia e en novas necesidades comunitarias.

EspazoCoop elaborou unha colección de Plans Estratéxicos en 2022 nos ámbitos da economía circular, novo rural, cohousing, coworking, coidados, e cultura. Partindo deste traballo, continúa, a través deste programa, coa activación de procesos que estimulen o uso do modelo cooperativo para construír proxectos.  Neste contexto, o martes 26 de setembro organiza un Encontro destinado a profesionais do sector da Cultura interesados en organizarse a través deste modelo. Ler máis


 




Romaría das Finanzas Transformadoras 2023 | sábado 30 de setembro
Coop57

O vindeiro día 30 de setembro celébrase en Mos, na sede da CMVMC de Tameiga, un encontro aberto a persoas, organizado por Coop57 -cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios-, o cal está destinado tanto ás persoas que sexan socias ou non de Coop57, para atoparse, debater, desfrutar da música e do entorno e, en definitiva, ter un espazo de conexión persoal e social. Este é o  enlace para que as persoas se anoten, de cara a facilitar a loxística do evento.

 
 




Estudio de necesidades de formación 2023 [Coceta]

Coceta, a Confederación estatal de cooperativas de traballo, lanza a enquisa do estudio para identificar necesidades de formación e solicita a colaboración de cooperativas en Galicia para a súa cumprimentación, en especial das socias da Unión, entre o persoal directivo, responsables de recursos humanos e de formación.
É unha acción que que se enmarcan na Lei 30/2015 pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral. Coa colaboración e participación das cooperativas poderán promover e ofrecer mellores prácticas de formación no ámbito cooperativo. Participa na enquisa neste enlace


 




9ª edición do Curso Básico de Facilitación de Grupos
[Cooperativa Rexenerando]

Dende Rexenerando levan preto de dez anos apostando pola facilitación de grupos como medio para desenvolver procesos grupais máis eficientes e satisfactorios tanto cara adentro como cara a fóra. Aplican estas habilidades e ferramentas acompañando organizacións e colectivos, e impulsando accións formativas. Neste 2023, organizan a 9ª Edición do Curso Básico de Facilitación de Grupos: ferramentas e habilidades para a xestión de colectivos certificada polo Iiface (Instituto de facilitación y cambio), entidade de facilitación referente a nivel estatal, e coa colaboración do Concello de Vedra.

Curso Básico de facilitación de grupos realíazase de Novembro de 2023 a Xuño de 2024 e está acreditado polo Instituto de Facilitación e Cambio (IIFACe).  Está dirixido a todas aquelas persoas participantes de grupos, comunidades ou organizacións interesadas en mellorar o seu funcionamento grupal facilitando cambios positivos dunha forma participativa, innovadora e que potencie a diversidade. Prazo de matrícula: 15 de outubtro. Ler máis.



 

Axudas 

Cooperativas socias: tomade nota das últimas axudas convocadas.  As asociadas podedes consultar diversas referencias de Axudas e acceder ás bases neste enlace: Axudas (introduce a clave habitual, ou contacta e facilitámoscha). 




Licitacións 

Sección para socias sobre licitacións en vigor ofertadas por administracións e organismos públicos. Acceso neste enlace (introduce a clave habitual, ou contacta con EspazoCoop para conseguila).

 

ESPAZOCOOP UNIÓN DE COOPERATIVAS GALEGAS
www.espazo.coop | info@espazo.coop 

A Coruña|Travesía de San José 10. Entreplanta dereita. 15002|+ 34 881 887 456
Santiago de Compostela|Hórreo 104. Baixo esquerda. 15701|+ 34 981 57 55 78
Vigo|Marqués de Valladares 14, 2º. Oficinas 4-5. 36201|+ 34 986 866 149

 

Facebook Twitter Linked in RED EUSUMO