Ten problemas para ver este correo electrónico? Ver no seu explorador
cabecera
 









 
 

BOLETÍN DA UNIÓN DE COOPERATIVAS ESPAZOCOOP
 
[ 30 de maio de 2025 ]
 
                                                                            
                                                   
 

Talento Cooperativo 2025
Consolida a túa empresa de economía social

A Unión de Cooperativas Galegas Espazocoop abre a convocatoria para participar en Talento Cooperativo 2025, un programa de fortalecemento da xestión de cooperativas e entidades de economía social.

Talento Cooperativo ten como obxectivo facilitar apoio ás entidades participantes, mediante a incorporación de persoas formadas en xestión empresarial e con coñecementos específicos sobre cooperativas e outras fórmulas da economía social de cara a fortalecer as súas competencias en xestión empresarial ao tempo que se achega unha alternativa de remuda xeracional para as empresas beneficiarias.

Na convocatoria 2025 ofértanse 4 bolsas durante 6 meses e o prazo de solicitude estará aberto ata o 30 de xuño de 2025.

RESERVA DATA! o 19 de xuño en Vigo, de 10 a 12.30 h., EspazoCoop celebrará a xornada Talento Cooperativo, no salón de actos da Facultade de Comercio da Universidade de Vigo na rúa Torrecedeira. Abordará a traxectoria e resultados do programa ata agora, e se informará sobre a edición 2025.


Saber máis



EspazoCoop presentou a súa nova Memoria Social 2024

A Unión de Cooperativas EspazoCoop presentou na Asemblea Xeral realizada a pasada semana a nova Memoria Social do ano 2024.  Nela dase conta dos principais eixos de traballo, os fitos, resultados e cifras acadadas na actividade realizada nos ámbitos da representación e defensa do cooperativismo, nos servizos a cooperativas socias, no fomento do cooperativismo e a creación de cooperativas.

Con 32 cooperativas creadas, preto de 70 actividades de promoción do cooperativismo que beneficiaron a máis de 1.000 persoas, ou as 177 cooperativas participantes en programas de consolidación, asesoramento e intercooperación, "o 2024 foi un ano de impulso e consolidación para o cooperativismo galego, e en EspazoCoop vivímolo como un tempo de avance firme na nosa razón de ser: representar, defender e fortalecer o tecido cooperativo de Galicia", segundo Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop.

Memoria social 2024 de EspazoCoop aquí

Vídeo da Memoria social aquí


ForoESGal celebrará o vindeiro 16 de xuño o Día da Economía Social Galega

ForoESGal celebrará o vindeiro 16 de xuño, un ano máis, o Día da Economía Social Galega, unha xornada para pór en valor o sector e analizar os retos e desafíos futuros.

O Día da Economía Social Galega, organizada por ForoESGal, reunirá en Santiago de Compostela no Hotel Puerta del Camino ás familias máis representativas do sector para compartir, reflexionar e poñer en valor a ES.

Saber máis


A cooperativa Númax proxecta No Other Land en apoio a DAMAN: Fondo de Economía Solidaria de Palestina 

Númax continúa cos pases solidarios de No Other Land, o documental premiado nos Oscar e a Berlinale que rexistra o día a día da expulsión do pobo palestino de Cisxordania. O sábado 7 de xuño ás 11:00 horas en Santiago celebran un pase especial en colaboración coa Fundación Coop 57 e con Coop 57. A recadación do pase irá destinada integramente ao Fondo de Economía Solidaria DAMAN, que busca fortalecer a economía popular palestina.

Contarán con tres persoas convidadas que ofrecerán un coloquio ao remate da proxección: Sami Ashour, da Asociacion Galaico Árabe - Jenin, Paula Bonaval, de BDS Galiza (Boicotes, Desinvestimentos e Sancións a Israel) e Felipe Noya, de Médicos do Mundo.

As entradas xa están á venda en web  de Númax ou billeteira. Se quedas sen entrada, ou non podes achegarte ao pase, podes facer a túa colaboración directamente á campaña "Soster a vida en Palestina. Oficio a Oficio" na seguinte ligazón:
https://summum.coop57.coop/gl/economiapal
 


 


A cooperativa Ailuro Cat Café ofrece actividades de Team Building a calquera empresa interesada

Ailuro Cat Café S. Coop. Galega é unha cafetería e casa de acollida de gatos en adopción que ofrece ademáis diversos talleres e actividades. Agora tamén queren implementar a posibilidade de que calquera empresa interesada poida levar o seu equipo para pasar un bo rato con gatos e realizar Team Building.

Saber máis


 


Horario de verán en EspazoCoop

Informamos ás cooperativas socias, usuarias, e público en xeral que na Unión de Cooperativas EspazoCoop a partir do próximo 1 de xuño e ata o 30 de setembro estaremos en horario de verán. A atención pública será de 8.30 a 15.30 horas de luns a venres.


 


Axudas


Cooperativas socias: tomade nota das últimas axudas convocadas. As asociadas podedes consultar as diversas referencias de axudas e acceder ás súas bases neste enlace: Axudas (introduce a clave habitual, ou contacta e facilitámoscha).

 

 



Licitacións
 
Sección para socias sobre licitacións en vigor ofertadas por administracións e organismos públicos. Acceso neste enlace (introduce a clave habitual, ou contacta con EspazoCoop para conseguila).
 

 

ESPAZOCOOP UNIÓN DE COOPERATIVAS GALEGAS
www.espazo.coop | info@espazo.coop 

A Coruña|Praza do Papagaio s/n (Accede Papagaio). 15002|+ 34 881 887 456
Santiago de Compostela|República do Salvador 3, 2º D. 15701|+ 34 981 57 55 78
Vigo|Marqués de Valladares 14, 2º. Oficinas 4-5. 36201|+ 34 986 866 149

 

Facebook Twitter Linked in RED EUSUMO