Ten problemas para ver este correo electrónico? Ver no seu explorador
cabecera
 






 
 

BOLETÍN DA UNIÓN DE COOPERATIVAS ESPAZOCOOP
 
[ 06 de setembro de 2024 ]
 



O Concello de Santiago e EspazoCoop colaboran para fomentar o cooperativismo e a economía social

O Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Cooperativas EspazoCoop colaboran na realización do programa `Impulso dun ecosistema emprendedor na economía social´, dando continuidade ás liñas de traballo e á alianza que veñen desenvolvendo nos últimos anos. O programa está composto por actividades que permiten crear un sistema facilitador do emprendemento cooperativo e da economía social, ademais de apoiar a consolidación de cooperativas en funcionamento, dito programa está destinado a diversos profesionais, colectivos e cooperativas da área de Compostela.

Nas próximas semanas celebraranse catro edicións do Roteiro Cooperativo, e a Xornada sobre liderado das mulleres en empresas de participación o 1 de outubro na Casa das Mulleres Xohana Torres de Santiago. Ler máis




Acordo de xubilación parcial para o profesorado do ensino cooperativo

A Consellería de Educación e as organizacións empresariais e sindicais do ensino concertado entre á que está Aces Galicia, da que forma parte a Unión de Cooperativas EspazoCoop, asinaron este acordo de xubilación parcial das docentes do ensino concertado que se aplica a partir deste mes de setembro.

A través del estipúlanse as condicións de xubilación parcial e que implicará a contratación de novo persoal docente. Esta medida, que comezará a aplicarse neste mesmo mes de setembro, estima que poderá beneficiar a unhas 400 profesionais do ensino, entre outras as persoas cooperativistas dos colexios cooperativos de Galicia. Ler máis.

 



Formación Comercial: Coopera, Comunica e Vende

A Unión de Cooperativas EspazoCoop organiza o curso de teleformación gratuíta Formación comercial: coopera, comunica e vende, de 25 horas de duración, impartido dende a Aula Virtual de EspazoCoop, do 11 ao 27 de setembro de 2024.

Que se acadará con esta formación? capacitación e mellora nas habilidades de xestión comercial das cooperativas, facilitarase a análise e coñecemento sobre a situación dos procesos e sistemas de comercialización das participantes na formación, coñecerán recursos e ferramentas que permitan melloras no sistema comercial, e se crearán redes de intercambio, coñecemento mutuo, e colaboración, no eido comercial. Ler máis

 



Oleiros, A Laracha, e Sada acollen as seguintes sesións divulgativas « E ti, coñeces a fórmula cooperativa?»

O primeiro paso para dinamizar e impulsar o emprendemento en cooperativa é sensibilizar sobre esta alternativa de autoemprego colectivo. A través do Programa de Sensibilización do Emprendemento Cooperativo de EspazoCoop achegamos ás persoas como é a realidade dunha cooperativa, as súas particularidades e as potencialidades deste modelo a nivel laboral. Estas son as próximas sesións do mes de setembro, en horario matinal:

  • Oleiros 19 de setembro.
  • A Laracha 23 de setembro.
  • Sada 24 de setembro.

A inscrición permanece aberta. Ler máis



 



As escolas cooperativas da Unión teñen a inscrición aberta ao XX Congreso Estatal das Cooperativas de Ensino UECoE

Do 23 ao 25 de outubro de 2024 Valéncia acollerá o XX Congreso Estatal das Cooperativas de Ensino baixo o lema “Educación e Arte: a arte de innovar, a arte de incluír”, organizado pola Unión Española de Cooperativas de Enseñanza (UECoE) coa Unión de Cooperatives d’Ensenyament Valencianes (UCEV) como entidade coorganizadora.

Arte, innovación, inclusión son as palabras chave dun Congreso que se fará realidade colectivamente e onde se quere descubrir e explorar as potencialidades da relación entre a EDUCACIÓN e a ARTE.

Convidámosvos a facer este descubrimento desde a mirada e coa acción cooperativa. Porque é o Congreso do Cooperativismo Educativo e ofrece unha oportunidade inmellorable de reflexionar e construír xuntas e xuntos. Prazo de inscrición remata o 23 de setembro.
Ler máis



 



 
Reserva a data! venres 27 de setembro, Vigo

Celebraremos a Xornada de resultados do Programa Consolida+ e dous Encontros Sectoriais de EspazoCoop

O venres 27 de setembro en Vigo, EspazoCoop celebrará en horario matinal a Xornada de resultados do Programa Consolida+ da edición 2023-2024. Consolida+ é un programa de acompañamento a cooperativas apoiado pola Rede Eusumo, que busca mellorar as cooperativas asociadas a través do asesoramento.

Ese mesmo día, en horario de tarde, e no mesmo lugar da Xornada, celebramos dous Encontros Sectoriais, dentro do Programa de Intercooperación de EspazoCoop 2024, tamén apoiado pola Rede Eusumo. Un deles coa Sectorial de Asesorías e Consultoras, e o outro reunirá á Sectorial de Ensino e á Sectorial de Cultura, Turismo, Ocio, e Medio Ambiente de EspazoCoop.


Reserva a data! 27 de setembro, Vigo. Proximamente facilitaremos toda a información sobre estas iniciativas e abriremos a inscrición ás mesmas.


 



Nova convocatoria de axudas de Cepes para o fortalecemento de entidades e empresas de economía social, entre elas as cooperativas

CEPES ten aberta unha nova convocatoria de axudas do Fondo Social Europeo PLUS dirixida a proxectos de fortalecemento e consolidación de Empresas de Economía Social, especialmente en cooperativas, sociedades laborais, confrarías de pescadores e mutualidades de previsión social.

O prazo de presentación de proxectos finaliza o 11 de outubro de 2024 ás 14.00 h. Para poder presentar proxectos, as entidades e empresas interesadas deben solicitar ou renovar a acreditación a CEPES ata o 20 de setembro de 2024 as 14:00 h. A Confederación organiza unha xornada informativa en liña o martes 10 de setembro. Ler máis


 



III Premios á excelencia empresarial Axenda Urbana 2030, do Concello de Santiago

Aprobáronse as bases reguladoras e convocatoria para este ano da III Edición dos Premios á excelencia empresarial Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago, que contan cun orzamento de 60.000 euros divididos, en sete premios de 5.000 euros e unha serie de mencións, un destes premios é ás Boas prácticas de empresas de economía social, polo que as cooperativas poden optar a el, ademais de aos restantes. Ler máis


 

 

Alén s. coop. galega, consultora en sustentabilidade e Economía Circular xa B Corp!

A nosa socia, Alén Sociedade Cooperativa Galega acaba de converterse en empresa B Corp, grazas ao cumprimento de altos estándares en termos de desempeño social e ambiental, transparencia e responsabilidade empresarial. Como B Corp, Alén fai parte dunha comunidade de empresas que lideran unha nova forma de entender a actividade económica: un motor para transformar a economía global xerando impacto positivo.

Desde Galicia, e baixo o modelo cooperativo, Alén únese á ambición de competir, non por ser a mellor empresa do mundo, senón a mellor empresa para o mundo. Actualmente en Galicia só 5 empresas contan con esta distinción.  Ler máis



Axudas

Cooperativas socias: tomade nota das últimas axudas convocadas As asociadas podedes consultar as diversas referencias de axudas e acceder ás bases neste enlace: Axudas    (introduce a clave habitual, ou contacta e facilitámoscha).


 


 
Licitacións 
 
Sección para socias sobre licitacións en vigor ofertadas por administracións e organismos públicos. Acceso neste enlace (introduce a clave habitual, ou contacta con EspazoCoop para conseguila).


 
 

ESPAZOCOOP UNIÓN DE COOPERATIVAS GALEGAS
www.espazo.coop | info@espazo.coop 

A Coruña|Praza do Papagaio s/n (Accede Papagaio). 15002|+ 34 881 887 456
Santiago de Compostela|Hórreo 104. Baixo esquerda. 15701|+ 34 981 57 55 78
Vigo|Marqués de Valladares 14, 2º. Oficinas 4-5. 36201|+ 34 986 866 149

 

Facebook Twitter Linked in RED EUSUMO