A Unión abre a inscrición ao programa formativo, "Muller: A cooperativa é para ti"
A Unión de Cooperativas EspazoCoop preséntavos o Programa formativo: “Muller, a cooperativa é para ti” que se imparte nos meses de febreiro a abril de 2026 ofrecendo 3 cursos de teleformación, GRATUÍTOS, impartidos dende a Aula Virtual de EspazoCoop. O primeiro dos cursos inicia o 3 de febreiro.
A fórmula cooperativa é unha eficaz ferramenta para conseguir a integración e a igualdade no mundo laboral para as mulleres, en condicións dignas e estables, e con amplas posibilidades de desenvolvemento profesional. É un modelo empresarial que promove a igualdade, xa que son empresas de base democrática e participativa, e se constata con estudos e datos que arroxan que máis do 50% dos cadros de persoal das cooperativas de traballo son mulleres e máis do 50% das socias que participan nos órganos de xestión da empresa tamén son mulleres.
Saber máis

Se es unha cooperativa que quere mellorar e consolidarse: Consolida+
O Programa Consolida+ da Unión de Cooperativas EspazoCoop, realizado no marco da programación 2025-2026 da Rede Eusumo, é un servizo gratuíto de asesoramento en procesos de consolidación e mellora de cooperativas que integran a base social da Unión, que conta cun fondo de preto de seiscentas horas ata setembro de 2026.
Cabe destacar que un 15% das horas do programa irán destinadas ao cooperativismo de ensino, reforzando o acompañamento sectorial especializado.
Se es unha cooperativa que quere mellorar a súa xestión diaria, aprender a planificar e anticiparse, marcar obxectivos, detectar necesidades e áreas de mellora, fortalecerse, analizar, avaliar e xerar un plan de acción operativo e estratéxico, este programa é para ti!.
As usuarias do Programa Consolida+ terán á súa disposición un recurso formativo na plataforma de teleformación da Unión de Cooperativas, a partir do 20 de xaneiro, trátase do curso en liña “Ferramentas Básicas de Xestión Cooperativa” (20 horas), sobre organización societaria e xestión empresarial en cooperativas, co que complementarán o asesoramento recibido e refrescarán aspectos básicos do modelo cooperativo, sempre que sexa recomendada a súa realización polo persoal técnico do Programa.
Saber máis

Entrevista á cooperativa Elefantes Rosas, participante no programa EspazoCoop Emprende
O programa "EspazoCoop Emprende. O teu Futuro é Cooperativa", impulsado pola Unión de Cooperativas, entrevista a Elefantes Rosas S. Coop. Galega, unha das cooperativas beneficiarias dos servizos de apoio ao emprendemento do programa: "Os programas de EspazoCoop foron fundamentais para darlle forma ao proxecto".
EspazoCoop Emprende é un programa Éfeso, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo Plus para o período 2021-2027.
Saber máis

Formación de posgrao: Impulsar e xestionar Comunidades Enerxéticas Renovables
Formación especializada para liderar a transición enerxética!
O curso “Impulsar e Xestionar Comunidades Enerxéticas Renovábeis” é un título oficial de posgrao da Universidade de Vigo, dispoñible como microcredencial (MCU) a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente (CPFP). Trátase dun título oficial, recoñecido e avalado pola Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (MCIU) de España e a Unión Europea.
Este título ofrece formación especializada orientada á capacitación de persoal para acompañar e dinamizar a creación e desenvolvemento de Comunidades Enerxéticas Renovábeis (CER), con especial foco no ámbito rural.
O curso destaca pola súa orientación multidisciplinar e comunitaria, promovendo a participación da cidadanía e das entidades locais na transición enerxética sostible. O seu programa permite adquirir as competencias necesarias para xestionar de forma completa unha CER. O curso ten unha duración de 83.2 h. e representa 3 créditos.
Prazo de pre-inscrición: 13-20 xaneiro 2026.
Saber máis

Axudas